CLARIAH-GAL é unha infraestrutura dixital de investigación en Humanidades e Ciencias Sociais, coordinada polo Instituto da Lingua Galega e que conta coa colaboración do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Ten como fin a creación dunha rede galega de grupos e centros que leven a cabo investigación en Humanidades Dixitais (HD) e Tecnoloxías Lingüísticas (TL) e que estean interesados en dar soporte ás infraestruturas CLARIN ERIC e DARIAH ERIC. O obxectivo final é axudar a impulsar a investigación en Humanidades e Ciencias Sociais, así como contribuír á formación de investigadores e investigadoras nestes ámbitos.
CLARIN ERIC é unha infraestrutura europea de investigación distribuída que ten como finalidade o intercambio, uso e sustentabilidade das ferramentas e datos lingüísticos para a investigación en Humanidades e Ciencias Sociais. Cabe salientar entre os seus principais obxectivos o de garantir que todas as ferramentas e recursos lingüísticos integrados en CLARIN sexan accesibles desde unha plataforma común.
DARIAH ERIC é unha infraestrutura dixital europea, que ten como obxectivo potenciar e apoiar a investigación e o ensino nas artes e humanidades mediante o uso de ferramentas dixitais. Artéllase como unha rede que asiste os investigadores e investigadoras no manexo de contidos, métodos, ferramentas e tecnoloxías, axudando a utilizar as TIC para construír, analizar e interpretar recursos dixitais.
CLARIAH-GAL forma parte de CLARIAH-ES, a rede española que dá soporte ao cumprimento dos compromisos e obrigas de España como membro destas ERIC e que coordina a actividade de ambas as dúas en España.