Novas

Premio Ícarus 2026 ao TFM de María Pérez Lago

María Pérez Lago recibiu un dos premios Ícarus 2026 que concede a Universidade de Santiago de Compostela e que distingue teses de doutoramento e traballos de fin de grao e de mestrado con capacidade de transferencia e aplicación práctica. En concreto, María Pérez Lago foi premiada na área de Artes e Humanidades polo seu traballo de fin de mestrado Avaliación de tecnoloxías de síntese de voz: un estudo de dous modelos TTS para a lingua galega, dirixido por Xosé Luís Regueira e relacionado directamente co labor que realiza o Instituto da Lingua Galega no marco do Proxecto Nós.

Nova no xornal da USC.

Vídeos e pósters da III Xeira CLARIAH-GAL

O 29 de maio tivo lugar a III Xeira CLARIAH-GAL na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que contou coas conferencias de Aritz Farwell, sobre o corpus PressMint, e de Nieves Pena Sueiro, sobre literatura e Humanidades Dixitais. Na xornada, organizada polo Instituto da Lingua Galega, presentáronse ademais sete comunicacións e vinte pósters, dos cales dezaoito están dispoñibles en Zenodo. Ademais, varias das comunicacións e das conferencias poden verse na canle de YouTube do ILG:

  • Primeira sesión con Aritz Farwell (HiTZ, EHU), Miguel García-Fernández (IEGPS, CSIC), Ricardo Pichel (UNED) e Óscar Alonso (UVigo).
  • Segunda sesión con Xusto A. Rodríguez Río (SNL, USC), Ana I. Boullón Agrelo (ILG, USC), María Álvarez de la Granja e Elisa Fernández Rei (ILG, USC).
  • Terceira sesión con Mar García Miraz (Arquivo de Galicia) e Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes (UDC).

Adina Vladu participa nunha xornada sobre IA xerativa na UVigo

21/04/2026, Universidade de Vigo

Adina Vladu, investigadora do ILG no Proxecto Nós, participou o 21 de abril na xornada A IA xerativa tamén en galego. Dereitos lingüísticos e boas prácticas para a docencia tecnolóxica, organizada pola Universidade de Vigo. Vladu integrou a mesa redonda “Recursos lingüísticos e terminolóxicos para a docencia en galego no ámbito tecnolóxico”, en que se tratou o papel da lingua galega no ámbito tecnolóxico nun contexto marcado polo rápido desenvolvemento da intelixencia artificial. Presentáronse recursos lingüísticos e terminolóxicos dispoñibles para a docencia en galego e reflexionouse sobre os retos e as oportunidades que presenta a IA para a nosa lingua.

Vítor Míguez, novo coordinador de CLARIAH-GAL

10/02/2026, Instituto da Lingua Galega

O Consello Científico do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela acordou por unanimidade, nunha reunión que tivo lugar o 10 de febreiro na súa sede, propoñer o investigador Vítor Míguez como coordinador de CLARIAH-GAL. O reitor aprobou o seu nomeamento con efectos desde o 16 de febreiro de 2026.

Míguez desenvolve a súa investigación na gramática do galego desde a lingüística de corpus, unha liña que conecta directamente cos obxectivos de CLARIAH-GAL: integrar recursos, ferramentas e tecnoloxías lingüísticas ao servizo das humanidades dixitais.

CLARIAH-GAL está presente na reunión estatal de CLARIAH nas Palmas de Gran Canaria

21-23/01/2026, As Palmas de Gran Canaria

Os investigadores do Instituto da Lingua Galega Diego Rivadulla e Vítor Míguez participaron, en representación de CLARIAH-GAL, na reunión de CLARIAH-ES que tivo lugar nas Palmas de Gran Canaria entre o 21 e 23 de xaneiro de 2026.

O encontro, organizado polo Instituto Universitario de Análisis y Aplicaciones Textuales (IATEXT), tivo como obxectivo reunir os distintos nodos estatais de CLARIAH-ES para facer balance do traballo realizado ao longo do último ano, compartir avances e fixar as liñas de actuación a curto e medio prazo.

Na canle de Youtube do ILG as intervencións do Simposio ILG 2025

Xa se encontran dispoñibles na canle de Youtube do Instituto da Lingua Galega (ILG) algunhas das intervencións do Simposio ILG 2025. A intelixencia artificial e a lingua galega: oportunidades e riscos, evento organizado polo ILG que tivo lugar do 18 ao 20 de novembro de 2025 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Ligazóns

  • Sesión do 18/11/2025 con Senén Barro Ameneiro (CiTIUS, USC), Arturo Montejo-Ráez (UJA) e Pablo Gamallo (CiTIUS, USC).
  • Sesión do 20/11/2025 con Carmen García Mateo e Martina Fuentes Morono (atlanTTIC – UVigo), Luís Míguez Macho (USC), Gaspar González Somoza (actor de dobraxe), Beatriz Fariñas Garrote (AGPTI), Isabel Blanco (AISGE) e Belén Regueira (Colexio de Xornalistas).

As intervencións da ‘II Xeira CLARIAH-GAL’ na canle de Youtube do ILG

Pódense ver na canle de Youtube do Instituto da Lingua Galega (ILG) algunhas das intervencións da II Xeira CLARIAH-GAL, evento organizado polo ILG que tivo lugar o 9 de maio de 2025 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Ligazóns

  • Sesión da mañá con Elisa Fernández Rei (ILG, USC), Arturo Montejo-Ráez (UJA), Noelia Bascuas Ferreiro (Biblioteca de Galicia, Xunta de Galicia), Pablo Ruiz Fabo (Université de Strasbourg / CiTIUS, USC) e Carlota Fernández Travieso (UDC).
  • Sesión da tarde con Javier Pérez Guerra (iLingua, UVigo), Pedro García Louzao e Xulio Sousa (ILG, USC) e Leticia Eirín (UDC).

Nova versión do corpus de textos parlamentarios Parlamint con importantes melloras

Acaba de facerse pública a versión 5.0 do corpus ParlaMint, na que o Instituto da Lingua Galega e o Proxecto Nós participan coa compilación e anotación dos datos do Parlamento galego (ParlaMint-ES-GA). ParlaMint é un proxecto no marco da infraestrutura dixital europea CLARIN, centrado na creación dun corpus de textos multilingüe, comparable e homologado de sesións parlamentarias europeas.

Esta nova versión permite a anotación automática por temas e a anotación automática dos sentimentos nas intervencións. Ademais, inclúe os corpus ParlaMint 5.0, os corpus ParlaMint.ana 5.0, enriquecidos con anotación lingüística automática, e os corpus en versión multilingüe con tradución automática ao inglés ParlaMint-en.ana 5.0.

Premio HDH 2025 para CLARIAH-ES

08/07/2025, Asociación de Humanidades Digitales Hispánicas

A Asociación de Humanidades Digitales Hispánicas (HDH) vén de resolver a VII Edición dos Premios HDH. Na modalidade “mellor ferramenta, recurso, infraestrutura desenvolta en 2024” recibiu o premio CLARIAH-ES, infraestrutura dixital de investigación integrada por doce entidades entre as que se encontra CLARIAH-GAL, nodo coordinado polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

A II Xeira CLARIAH-GAL pecha con éxito a súa segunda edición

09/05/2025, Facultade de Filoloxía (USC)

O 9 de maio tivo lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a II Xeira CLARIAH-GAL, organizada polo nodo CLARIAH-GAL. Esta segunda edición, á que asistiron unhas cincuenta persoas, contou con oito relatorios en que se presentaron diversos proxectos de Humanidades Dixitais desenvoltos no ámbito galego e con dúas conferencias plenarias de Arturo Montejo (Universidad de Jaén) e Patricia Martín Rodilla (CSIC). Ademais, na sesión de pósters déronse a coñecer 22 iniciativas no ámbito das Humanidade Dixitais.

As presentacións dos relatores convidados e os pósters seleccionados pódense consultar e descargar na páxina web do evento nas seccións “materiais” e “pósters”.