CLARIAH-GAL está presente na reunión estatal de CLARIAH nas Palmas de Gran Canaria
21-23/01/2026, As Palmas de Gran Canaria
Os investigadores do Instituto da Lingua Galega Diego Rivadulla e Vítor Míguez participaron, en representación de CLARIAH-GAL, na reunión de CLARIAH-ES que tivo lugar nas Palmas de Gran Canaria entre o 21 e 23 de xaneiro de 2026.
O encontro, organizado polo Instituto Universitario de Análisis y Aplicaciones Textuales (IATEXT), tivo como obxectivo reunir os distintos nodos estatais de CLARIAH-ES para facer balance do traballo realizado ao longo do último ano, compartir avances e fixar as liñas de actuación a curto e medio prazo.
Na canle de Youtube do ILG as intervencións do Simposio ILG 2025
Xa se encontran dispoñibles na canle de Youtube do Instituto da Lingua Galega (ILG) algunhas das intervencións do Simposio ILG 2025. A intelixencia artificial e a lingua galega: oportunidades e riscos, evento organizado polo ILG que tivo lugar do 18 ao 20 de novembro de 2025 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Ligazóns
- Sesión do 18/11/2025 con Senén Barro Ameneiro (CiTIUS, USC), Arturo Montejo-Ráez (UJA) e Pablo Gamallo (CiTIUS, USC).
- Sesión do 20/11/2025 con Carmen García Mateo e Martina Fuentes Morono (atlanTTIC - UVigo), Luís Míguez Macho (USC), Gaspar González Somoza (actor de dobraxe), Beatriz Fariñas Garrote (AGPTI), Isabel Blanco (AISGE) e Belén Regueira (Colexio de Xornalistas).
As intervencións da ‘II Xeira CLARIAH-GAL’ na canle de Youtube do ILG
Pódense ver na canle de Youtube do Instituto da Lingua Galega (ILG) algunhas das intervencións da II Xeira CLARIAH-GAL, evento organizado polo ILG que tivo lugar o 9 de maio de 2025 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Ligazóns
- Sesión da mañá con Elisa Fernández Rei (ILG, USC), Arturo Montejo-Ráez (UJA), Noelia Bascuas Ferreiro (Biblioteca de Galicia, Xunta de Galicia), Pablo Ruiz Fabo (Université de Strasbourg / CiTIUS, USC) e Carlota Fernández Travieso (UDC).
- Sesión da tarde con Javier Pérez Guerra (iLingua, UVigo), Pedro García Louzao e Xulio Sousa (ILG, USC) e Leticia Eirín (UDC).
Nova versión do corpus de textos parlamentarios Parlamint con importantes melloras
Acaba de facerse pública a versión 5.0 do corpus ParlaMint, na que o Instituto da Lingua Galega e o Proxecto Nós participan coa compilación e anotación dos datos do Parlamento galego (ParlaMint-ES-GA). ParlaMint é un proxecto no marco da infraestrutura dixital europea CLARIN, centrado na creación dun corpus de textos multilingüe, comparable e homologado de sesións parlamentarias europeas.
Esta nova versión permite a anotación automática por temas e a anotación automática dos sentimentos nas intervencións. Ademais, inclúe os corpus ParlaMint 5.0, os corpus ParlaMint.ana 5.0, enriquecidos con anotación lingüística automática, e os corpus en versión multilingüe con tradución automática ao inglés ParlaMint-en.ana 5.0.
Premio HDH 2025 para CLARIAH-ES
08/07/2025, Asociación de Humanidades Digitales Hispánicas
A Asociación de Humanidades Digitales Hispánicas (HDH) vén de resolver a VII Edición dos Premios HDH. Na modalidade "mellor ferramenta, recurso, infraestrutura desenvolta en 2024" recibiu o premio CLARIAH-ES, infraestrutura dixital de investigación integrada por doce entidades entre as que se encontra CLARIAH-GAL, nodo coordinado polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
A II Xeira CLARIAH-GAL pecha con éxito a súa segunda edición
09/05/2025, Facultade de Filoloxía (USC)
O 9 de maio tivo lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a II Xeira CLARIAH-GAL, organizada polo nodo CLARIAH-GAL. Esta segunda edición, á que asistiron unhas cincuenta persoas, contou con oito relatorios en que se presentaron diversos proxectos de Humanidades Dixitais desenvoltos no ámbito galego e con dúas conferencias plenarias de Arturo Montejo (Universidad de Jaén) e Patricia Martín Rodilla (CSIC). Ademais, na sesión de pósters déronse a coñecer 22 iniciativas no ámbito das Humanidade Dixitais.
As presentacións dos relatores convidados e os pósters seleccionados pódense consultar e descargar na páxina web do evento nas seccións "materiais" e "pósters".
O Validatón pechou a súa segunda edición con 10.000 fragmentos gravados e validados en Common Voice
11/04/2025, Instituto da Lingua Galega
O día 10 de abril rematou no Instituto da Lingua Galega o Validatón 2025, maratón en que participou unha trintena de persoas. Grazas a elas conseguíronse 13 h de contribución total aos datos de voz en galego en Common Voice, das que aproximadamente 6 h son de gravación e acadáronse arredor de 10.000 fragmentos gravados e validados.
CLARIAH-GAL participa no IV Workshop de CLARIAH-ES
5/04/2025, Centro de Supercomputación de Castilla y León
O Centro de Supercomputación de Castilla y León (SCAYLE) acolleu os días 3 e 4 de abril o IV Workshop de CLARIAH-ES, en que participaron representantes de todos os nodos integrantes. Nesta ocasión, María Álvarez de la Granja e Elisa Fernández Rei representaron o nodo CLARIAH-GAL.
Nova lista de difusión de CLARIAH-GAL
13/03/2025, Instituto da Lingua Galega
Desde o mes de marzo contamos cunha lista de difusión de CLARIAH-GAL para informar sobre as novidades relacionadas coas infraestruturas europeas de investigación CLARIN e DARIAH e as Humanidades Dixitais en xeral. Anímate a subscribirte!









