Actividade formativa de recollida e validación de datos de voz en galego
Esta actividade formativa, ofrecida polo Proxecto Nós en colaboración coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e dirixida ao alumnado de grao da Universidade de Santiago de Compostela, presenta un percorrido teórico e práctico de 25 horas polas tecnoloxías da fala en galego. As competencias adquiridas mediante a participación nesta actividade están, ademais, certificadas pola USC como formación a través do recoñecemento dun crédito ECTS.
Curso de verán. Humanidades Dixitais: recursos, ferramentas e servizos
15-18/07/2024, Facultade de Filoloxía
Este curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela proporciónalle ao alumnado os contidos e competencias necesarios para a posta en marcha ou para a participación en proxectos de innovación dixital no ámbito das Humanidades e das Ciencias Sociais. Asemade, permítelle achegarse a diferentes proxectos de Humanidades Dixitais, particularmente os desenvolvidos en Galicia, así como coñecer as infraestruturas dixitais de investigación DARIAH e CLARIN.
Ciencia aberta e humanidades dixitais
14/11/2024, Facultade de Filoloxía
Esta actividade de formación pretende conectar o público asistente, e particularmente o alumnado da Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela, co estado das Humanidades Dixitais e, dun xeito máis amplo, co estado da produción científica en acceso aberto.